Tuesday 30 de April de 2024

A Pobra repite por terceiro ano consecutivo o programa Espazos das Familias


A terceira convocatoria do programa Espazos das Familias chega á Pobra do Caramiñal da man do
Concello e a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. Dirixida a familias con crianzas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, a referida actividade desenvolverase ao longo de todo o período escolar sen ningún tipo de custo para as persoas participantes. As sesións terán lugar os martes, en horario de 11.30 a 13.00 horas, e iniciarán xa a vindeira semana, na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler. As encargadas de debulla-lo contido desta cita foron a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), e a responsable do proxecto na comarca e membro da mencionada asociación,
Olaia González, acompañadas de varias familias e da educadora familiar do Concello, Lidia Martínez.
A edil explicou, máis polo miúdo, que este proxecto sociopedagóxico cun aspecto lúdico ten como principais finalidades "dotar de ferramentas educativas os pais e nais e comparti-las vivencias sobre a crianza", pois fixo fincapé en que “o compartir e socializar son obxectivos tan importantes neste momento.” Así mesmo, apuntou que a inscrición non é pechada, polo cal calquera familia que
se anime a participar nela pode facelo ao longo de todo o período lectivo, mais establécese un máximo de cinco unidades domésticas asistentes (cinco persoas adultas e cinco cativos e cativas), debido á situación sanitaria. De se producir unha maior demanda, valoraranse outras alternativas para o seu desenvolvemento, xa que sinalou que "dende o Concello pensamos que esta é unha actividade fundamental e socializadora nun momento de pandemia."
Tamén quixo animar toda a veciñanza a tomar parte dela, pois incidiu en que "é unha actividade moi segura" ao seguirse no seu transcurso o protocolo e medidas implantadas por mor da COVID-19.
Pola súa parte, Olaia González remarcou que se vai “compartir experiencias, aclarar dúbidas sobre a educación e facer diferentes actividades cos nenos e as nenas encamiñadas a desenvolver distintas áreas.” Respecto ao curso pasado, especificou que haberá que se adaptar á nova situación, pero cun protocolo específico de actuación e extremando as medidas hixiénico-sanitarias. Ademais,
manifestou que, de se producir un confinamento ou corentena, se non se lle pode dar continuidade a este espazo de maneira física será virtual. Do mesmo xeito, este ano as titorías individualizadas transcorrerán telefonicamente.

As familias interesadas poden cubri-la ficha de inscrición nos Servizos Sociais do Concello.
Unha vez concluído o acto de presentación, as familias asistiron a un contacontos da man de Jorge Rey con Güe-güe, unha actividade de animación con música, teatro e danza, enmarcada dentro do programa Ler conta moito e que tivo lugar na biblioteca municipal.